Un rallye é un espectáculo do que todos podemos gozar con total seguridade, sempre que sigamos unha serie de pautas que aquí imos indicar. Pola contra, o que comezou como un día ó aire libre de diversión, en compaña da familia ou amigos, pode rematar causándonos máis dun desgusto ós organizadores, participantes e afeccionados.
Nos últimos tempos, a afluencia de público ás probas automobilísticas cada vez é maior, e dita masificación non facilita o traballo das autoridades e organizadores para controlar debidamente ós espectadores, tendo ademáis en conta que estes non sempre se comportan de forma consciente e responsable.
Non hai que esquecerse que os rallyes son un deporte de risco. Os participantes asumen ese risco e contan cunha serie de proteccións para minimizalo. Sen embargo, os afeccionados só dispoñen do seu sentido común e das recomendacións feitas pola organización. Aínda así, pedímosvos a máxima colaboración para cumprir en todo momento as recomendacións dos Organizadores, de Protección Civil e das Forzas de Seguridade do Estado.
Segue os consellos que vos propoñemos a continuación:
- Debemos chegar ó treito con tempo suficiente para estacionar correctamente o noso vehículo. A estrada adóitase pechar ó tráfico polo menos unha hora antes da saída do primeiro coche participante.
- Aparcaremos o noso vehículo sempre fóra da estrada evitando obstaculizar a circulación na mesma, xa que calquera acceso pódese converter nun percorrido de evacuación de feridos. De non ser así, podemos atoparnos con que o noso vehículo foi retirado pola grúa.
- Recorda que nos debe dar tempo ademáis a desprazarnos a pé ata un lugar seguro antes de que comece a carreira.
- Desprazarse polo percorrido coa carreira xa iniciada supón un grave perigo.
- Os vehículos compiten ó límite e en calquera momento pode producirse un accidente, polo que procuraremos interferir o mínimo posible nas traxectorias dos equipos participantes, xa que esperan atoparse coa estrada totalmente despexada.
- Debemos situarnos sempre en lugares elevados.
- Evitaremos as zonas máis baixas que o nivel da estrada.
- Cando escollamos o noso lugar, dende o que presenciaremos o espectáculo, nos aseguraremos de ter escapatorias.
- Os nenos deberán estar en todo momento baixo a supervisión dos adultos. Recorda que son pouco conscientes do perigo e moi vulnerables.
- Permaneceremos alerta dende o primeiro ata o último concursante.
- Segue as instrucións dos voluntarios e organizadores. Trátaos con educación e recorda que sen eles non sería posible este deporte. Acepta tódalas obrigas e peticións que che fagan sen discutir. Non son por antollo, son polo teu ben.
- É posible que se produzan atrasos en caso de accidente. Non te desesperes.
- Non rompas nin quites as cintas de seguridade, teñen a súa función. Permanece sempre por detrás delas pero recorda que non son un escudo salvavidas.
- Evita o consumo excesivo de bebidas alcohólicas ou outros produtos que podan volverche irritable, inconsciente e incívico. Non perdas o control.
- Deixaremos o entorno tal e como o atopamos.
- Non arroxaremos obxectos ó percorrido.
- Recorda que está prohibido acender fogueiras.
- Do mesmo xeito que transportamos a comida, bebida, tabaco… dende o coche ata o treito en bolsas, podemos facelo á inversa, ou cando menos, deixalo recollido para facilitar a limpeza da zona.
RECORDA
RECORDA que os organizadores poden suspender a celebración da proba se nalgún momento observan situacións potencialmente perigosas para deportistas e público. Non nos obrigues a tomar esta decisión. Detrás do que para ti é un espectáculo hai meses de traballo de decenas de persoas.